Friday 29 de March de 2024

Aberto o prazo de inscrición nun curso de “Cría de raíñas” e unha xornada de “Produción primaria e boas prácticas sanitarias” organizados por AGA


O concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Galego, anunciou a celebración de dúas actividades programadas para esta fin de semana dende a Asociación Galega de Apicultura no marco do convenio de colaboración que a entidade ten co Consistorio. A primeira das propostas terá lugar este venres, día 13, e consistirá nun curso de “Cría de raíñas”, que se impartirá no local social de Sedes de 16.00 a 20.00 horas. O veterinario especializado en apicultura Gonzalo Calvo, será o encargado de impartir a convocatoria, na que se abordará como criar as propias raíñas co obxectivo de seleccionar e mellorar a calidade das abellas, optimizando a productividade.

Así mesmo, este sábado día 14 haberá unha xornada sobre “Produción primaria e boas prácticas sanitarias”, que terá lugar tamén no local social de Sedes en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas. Gonzalo Calvo falará cos asistentes sobre o apicultor como produtor de alimentos, boas prácticas hixiénicas en apicultura, boas prácticas de hixiene na colmea, trazabilidade e outros temas.
Estas dúas actividades son de balde para os membros de AGA e a veciñanza de Narón, se ben o resto de persoas interesadas en acudir deberán pagar 50 euros no caso do curso de “Cría de raíñas” e 20 euros no das xornadas de “Produción primaria e boas prácticas sanitarias”. As inscricións tramítanse a través do teléfono 661 378 960 e do correo electrónico: dagaferrol@hotmail.com.

A maiores, tamén a través deses dous medios as persoas interesadas poden anotarse para acudir aos obradoiros sobre “Reciclado de cera e elaborado de láminas estampadas”, “Xabróns do apicultor” e “Elaboración de licores artesanais con mel” que se convocarán cando se acade un grupo mínimo de vinte persoas. Os obradoiros celebraranse as fins de semana pola mañá e teñen un prezo de 10 euros cada un para membros de AGA e veciñas e veciños de Narón e de 20 para o resto de participantes. A duración aproximada de cada un deles é de dúas horas e media.